Friday 17 de May de 2024

A Xunta destinou preto de 3 millóns de euros en 2014 a axudas para promoción e mellora da calidade da produción agroalimentaria


O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado venres a relación de beneficiarios destas subvencións, 119 en total

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, destinou en 2014 un total de 2,9 millóns de euros a axudas para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, así como para promover programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e para sufragar os seus gastos de funcionamento.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado venres a relación de beneficiarios destas subvencións, 119 en total. A maior parte deles son consellos reguladores de indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe.

No caso das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores, os beneficiarios son 18 destes entes, cunha achega total de 200.000 euros.

Por outra parte, o DOG do pasado venres publicou tamén a relación de 79 beneficiarios de subvencións para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada. O importe total destas axudas ascende a 2,3 millóns de euros.

Por último, o Diario Oficial de Galicia publicou tamén a relación de beneficiarios de axudas aos consellos reguladores das denominacións de orixe para os seus gastos de funcionamento. En total, foron 22 os beneficiarios, por un importe total de 445.961 euros.

Todos estes fondos teñen por obxectivo apoiar o labor dos consellos reguladores no eido da información, promoción e mellora da calidade, ben a través de iniciativas promocionais, ben por medio dos programas específicos de calidade que desenvolven estes órganos.